Thursday 28 de March de 2024

Marta Míguez comproba o estado da pista multideporte de Santa Comba tras as obras realizadas pola Xunta de Galicia e o concello


O importe total das actuacións a realizar ao abeiro do convenio asinado o pasado mes de xullo de 2018 ascendeu a 42.888,45 euros dos que a Secretaría Xeral para o Deporte achegou un total de 35.000 euros e o Concello de Santa Comba os restantes 7.888,45 euros

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, visitou o concello de Santa Comba para comprobar o estado final das obras levadas a cabo pola Xunta de Galicia para a instalación dunha pista multideporte. O importe total das actuacións a realizar ao abeiro do convenio asinado o pasado mes de xullo de 2018 ascendeu a 42.888,45 euros dos que a Secretaría Xeral para o Deporte achegou un total de 35.000 euros e o Concello de Santa Comba os restantes 7.888,45 euros.

A pista multideportiva levada a cabo, dixo a secretaria xeral, “amplía a oferta deportiva do concello coruñés e servirá para acadar unha poboación máis activa e saudable”. “É unha pista na que se poden poñer en práctica unha gran multitude de modalidades deportivas e que terá no sector máis novo da poboación ao seu principal destinatario, polo que é toda unha aposta polo deporte base”, engadiu.

Esta infraestrutura conta cunhas dimensións de 20 por 10 metros, realizada en aceiro galvanizado, madeira tratada en autochave clase IV e polietileno. Ademais conta con campo de herba artificial sobre soleira de formigón. A instalación está situada na Rúa Ourense e presenta unha superficie bruta de 7.083 m2 onde xa existe un parque infantil.

Cos novos orzamentos xa aprobados, de cara ao novo exercicio orzamentario de 2019, a secretaria xeral investirá un total de 3.934.217 na construción e mellora das instalacións deportivas de Galicia, tanto propias (2.834.217 euros) como as de titularidade municipal (1.100.000 euros), para continuar optimizando a rede de infraestruturas deportivas de Galicia. Este montante supón un aumento do 63,5% sobre o investimento inicial dos orzamentos de 2018.